A historia de Galicia está chea de maxia e misterio. No corazón de Artes-Ribeira latexa unha das máis fascinantes: baixo a lagoa do Carregal escóndese a mítica aldea de Valverde, asolagada polo tempo, da que só sobreviviu un ser lendario: o Boi Bruón. Os seus profundos bramidos, ou “bruídos”, son o eco dun pasado ancestral. Desa forza nace o nome do noso festival.
O Bruón Folk Fest dura dúas xornadas cheas de vida e música tradicional galega. A nosa programación é para todos:
O espazo Bruonciño para os máis pequenos, con xogos e actividades culturais.
Concertos en directo para toda a familia, con grupos locais e bandas profesionais de prestixio.
A esencia do festival é a fusión entre tradición e modernidade. É un punto de encontro onde artistas de diferentes niveis comparten escenario e público, demostrando que a cultura é de todos e para todos.
Música e letras
O festival tamén rende homenaxe cada ano á figura principal das Letras Galegas. Organizamos mesas redondas con persoeiros destacados para reflexionar sobre a nosa identidade. Música, literatura, artesanía e baile danse a man, mantendo vivo o espírito dos seráns que a Asociación Os Liantes levaba anos celebrando.
Vive dous días cheos de música, cultura e tradición en Ribeira.
Un festival que latexa grazas a ti
O Bruón Folk Fest existe grazas á unión dunha comunidade apaixonada:
O Centro Recreativo e Cultural de Artes acóllenos como casa do festival. Colabora cedendo as súas instalacións interiores e exteriores, proporcionando o espazo ideal para as actividades
A Asociación Alvariza colabora estratéxica e operativamente en cada edición.
O respaldo das institucións públicas —Concello de Ribeira, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia— garante que a nosa cultura siga viva.
Asociacións da comarca, patrocinadores, doantes e colaboradores privados aportan tempo, recursos e cariño.
E por suposto contamos coa colaboración de dondantes pratrocinadores e colaboradores privados sen os cales, o festival non podería ter lugar no formato no que se está celebrando actualmente.
Grazas por facer posible que Galicia siga soando.
O Bruón Folk Fest ofrece unha ampla variedade de obradoiros durante a súa celebración, que inclúen dende a elaboración de obxectos de artesanía até o baile tradicional galego. Tamén se organizan mostras da man de artesáns que aunan tradición e modernidade. A inclusión dos máis pequenos a través da proposta Bruonciño é unha das prioridades do festival, e por iso, ofrecemos actividades adaptadas e orientadas ao público infantil.
O noso compromiso coa terra que nos dá vida. Somos parte da Alianza Galega para o Clima e traballamos para facer un festival máis sostible: Redución de plásticos e uso de vasos reutilizables. Puntos de reciclaxe en todo o recinto. Colaboración con empresas de economía circular. Ti tamén podes axudar: trae o teu vaso reutilizable, usa os puntos de reciclaxe e comparte a nosa mensaxe de respecto pola terra. Bruón Folk Fest — Cultura viva, terra preservada.
No noso mercado atoparás pezas únicas creadas por artesáns galegos e o merchandising oficial do festival: camisetas, crachas e recordos para levar a casa un anaco do Bruón Folk Fest.
A zona gastronómica convídache a gozar dos sabores auténticos de Galicia: servizo de barra, carpa pulpeira e un ambiente de feira tradicional que acompaña á música.



Contan as lendas anterghas no tempo dos mouros douse un animal
que viraba o monte en leiras co poder do seu bruar.
Roturaba nos cadullos sen pausa nin presa, máis sen descansar.
Valverde era de fartura, ali non faltaba o pan.
Máis pola cobisa de xentes alleas, a forsa do río fundeuse co mar,
onde houbera prados ficaron xunqueiras, onde houbera terra ficou sal.
Na longa noite do inverno co ruor do vento puidose escoitar,
un bruido lastimeiro, era aquel boi a chorar.
O seu choro foi xermolo que aghromou no peito de todo rapás,
o pobo colleu o mando, o arado volveu arar.
Por toda a contorna naseron aldeas,pola unión da xente volveu haber pan,
traballaron ferro, abriron canteiras, volveu a fartura a aquel lughar.
Aparellado o meu carro polas corredoiras soa o seu cantar.
Nun lado tira o Ghallardo, á súa beira o Bruón vai
Leva cargha de ledisia, ghaita e pandeiretas prao festival
xunghido de alma ghalegha, fachendoso o Bruón vai.
Xuntémolas voses ao canto do buxo, unámolas forsas ao seu camiñar.
Para no presente sementar futuro, coa nosa esperensa o Bruón vai...
Centro Recreativo de Artes
15960 Ribeira
A Coruña